Nace en Silleda o 24 de abril de 1968 como Francisco Javier Pérez Vázquez, aínda que pronto se mudará a Compostela coa súa familia.
Dá os seus primeiros pasos con efémeras bandas, como Los Cables ou Malditos Azules, onde grava as súas primeiras maquetas, aínda en castelán. Tamén foi breve o paso por este mundo de Os Quinindiolas, o primeiro grupo co que publicou disco. Unha banda de rock en galego que funda con outros compañeiros de futuras aventuras (non só musicais) como Xelís de Toro e Pepe Sendón, ao que se une máis tarde Marcos Teira. Gravan un único disco, ‘Os Quinindiolas’ (1991), sen apenas distribución, que será reeditado anos máis tarde por A Regueifa Plataforma en 2009.
Pouco despois participa noutra banda de culto, que vira cara o postpunk, Nicho Varullo, canda Pepe Sendón e Carlos Santiago. Gravan un disco homónimo tamén en 1991, publicado pola editora Spectra, creada grazas aos fondos dun premio literario que viña de gañar Xelís de Toro.
Paralelamente forma parte da creación da Sala Nasa en 1992 e e entra a formar parte da compañía Chévere. Participa como actor en varias montaxes e tamén como músico da Banda da Nasa, onde compoñía e interpretaba temas.
A súa relación co teatro foi ben fructífera, o que o levou a compoñer máis de trinta bandas sonoras para montaxes de diferentes compañías galegas e portuguesas. Alén de Chévere, traballou co Centro Dramático Galego, con Lagarta Lagarta, Mofa e Befa, Quico Cadaval… e mantivo unha longa relación con Trigo Limpo teatro ACERT, sendo responsable musical entre 2000 e 2015 do espectáculo “A Queima do Xudas”. Acadou cinco premios María Casares á mellor música orixinal por “Órbita mutante” e “Río Bravo ’02” de Chévere, Finis Mundi Circus de Mofa e Befa, Sidecar de Belmondo e “O segredo dos Hoffmann” de Lagarta Lagarta. E tamén o Premio da Crítica ao mellor musical pola ópera cómica “Annus horribilis”. Ademade, compuxo temas para varios proxectos audiovisuais.
Canda varios dos seus socios en proxectos anteriores crea en 1998 a Psicofónica de Conxo, novamente con Carlos Santiago, Pepe Sendón e Marcos Teira, ademais de Xabier Olite e Suso Alonso. Publican dous discos: Psicópolis (Fortes & Rangel, 2001) e Extramundi (Madame Mir, 2002).
En 2003 inicia a súa carreira en solitario, que acompaña cunha nova identidade: nace Narf e como tal asina o seu primeiro disco. ‘Directo en Compostela’ (Changüi, 2004) foi gravado en vivo na Borriquita de Belem os días 21 e 22 de xullo dese ano, acompañado por Marcos Teira e Pepe Sendón, ademais de Antonio Vázquez na produción e no son.
En 2005 percorreu a Península co vasco Jabier Muguruza e o valenciá Miquel Gil cun espectáculo titulado “Mundo Café” que finalmente tamén se converte en disco (Gintonic diskak, 2005).
As súas viaxes a Mozambique cristalizaron en 2006 co espectáculo Bumba coa banda Timbila Muzimba, no que o seu talento se mestura cos sons do pobo chopi. Recuperarían esta colaboración dez anos máis tarde.
En 2007 publicou ‘Totem’, acompañado novamente por Pepe Sendón, Marcos Teira e Joaquim Teles “Quiné”, ademais doutros músicos convidados. “Este totem marca vinte anos de camiño, o camiño que Fran emprendeu cando deixou a casa familiar sen nada máis que unha guitarra ao lombo”, di Xelís de Toro no libreto. “Fran ergueu este totem día a día, con mimo e cariño, con furia e paixón, aquí está o canto delicado e o berro atroz, aquí están as pantasmas dos devanceiros, o choro dun neno, o bico do amante e os ollos do futuro, aquí está o que máis amamos e o que máis nos doe”.
Casualmente nun Cantos na Maré coñecería a Manecas Costa, parceiro do que sería un novo proxecto co que percorreu palcos con éxito: ‘Aló Irmao’ (Falcatruada, 2010), que foi número 1 no top ten da RDP-África durante tres semanas. Foi gravado no Teatro Principal de Santiago os días 16 e 17 de xuño de 2009.
En 2013 publica ‘Nas tardes escuras’ (El Patito editorial), un disco por encarga no que leva as letras do ‘Follas Novas’ de Rosalía ao rock, acompañado por LAR Legido e Alberte Rodríguez “Ho Chi Ming”.
A seguinte gravación, ‘Baladas da Galiza Imaxinaria’ (Edicións da Madriña, 2015), veu da man dunha sorpresiva alianza con Uxía. Logo dunha inicial conexión nunha xira por Arxentina, Chile e Uruguai, puxeron en común temas de cadanseu repertorio e outros inéditos e construíron un disco -louvado pola crítica- só coas súas voces e a guitarra eléctrica de Narf. Este traballo levounos a unha xira polos Estados Unidos onde realizaron catorce concertos en sete estados durante corenta días de 2016. O posterior tour previsto pola Península tivo que ser cancelado pola enfermidade de Narf.
Neste 2016 preparou o regreso de Bumba, que desta volta chamou ‘Da Zigala a Zemambiquo’ (De Galiza a Mozambique, que se presentaría o 22 de outubro no Womex (a maior feira de ‘world music’ do mundo) de Santiago de Compostela, con máis de 2.000 profesionais do sector. Ao día seguinte ofrecería o seu derradeiro concerto, xa para o público local, no Teatro Principal.
Faleceu o 15 de novembro de 2016 en Compostela.
Alén dos premios e recoñecementos en vida, Fran Pérez recibiu numerosas homenaxes de diversos xeitos a partir do seu pasamento. O primeiro chegou dun dos festivais cos que compartiu valores ademais de palcos, o Cantos na Maré, en xaneiro de 2017. Ese mesmo ano a Pousada das Ánimas de Boiro celebrou un espectáculo-homenaxe na súa honra, ademais de inaugurar unha estatua de bronce do artista e pasar a chamarse a Pousada da Galiza Imaxinaria. E en agosto de 2017 o Feito a Man, outro dos festivais que contaron en varias ocasións coa súa presenza, celebrou ‘Camiñar sen fin. Un concerto para Fran’, no que participaron boa parte dos artistas cos que compartiu andaina.
Tamén en 2017 o Concurso de Rock da Deputación da Coruña pasou a denominarse Concurso Fran Pérez “Narf” para grupos e artistas musicais.
Tras a súa morte publicáronse numerosos artigos sobre a súa traxectoria. Salientamos os seguintes:
“Un home animal. Fran Pérez, NARF”, de Pepe Sendón
“Oín dicir que non ías andar máis por aquí”, de Xan Carlos Garrido
“Narf, o elemento estraño que fecundou o rock galego”: de Xesús Piñeiro